Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden once anos de prisión por matar un mozo cun pau en Ortigueira

Piden once anos de prisión por matar un mozo cun pau en Ortigueira

A Fiscalía acusa o procesado por homicidio e reclama máis de 256.000 euros en indemnizacións

Foi tras unha discusión nunha estrada de Mañón. A vítima sufriu feridas graves e morreu seis días despois da agresión.

G24.gal 02/11/2026 14:05

Os feitos que se van xulgar estes días na Audiencia Provincial da Coruña remóntanse ao verán de 2020. Segundo mantén a fiscalía, unha discusión entre dous homes nunha estrada da parroquia de Santa María de Mañón acabou cun deles gravemente ferido e morto, seis días despois.

A vítima, un veciño de Ortigueira de 30 anos, circulaba en coche pola estrada que atravesa a zona cando se cruzou co acusado. Tras unha discusión, baixou do vehículo e recibiu un golpe na cabeza, cun pau que había no lugar. O impacto provocoulle múltiples fracturas no cranio, e lesións cerebrais de extrema gravidade. Foi trasladado ao CHUAC, onde permaneceu ingresado ata o seu falecemento o 2 de xullo. 

Por estes feitos, a fiscalía pide para o acusado once anos de prisión por homicidio. Tamén reclama indemnizacións para a que era a parella da vítima, coa que mantiña unha relación dende había máis de dez anos, e para os seus pais e a súa irmá. En total máis de 245.000 euros polos danos psicolóxicos e emocionais derivados da súa morte, así como máis de once mil euros para o Sergas polos gastos sanitarios derivados da súa atención.

As acusacións particulares elevan a pena a 25 anos por un delito de asasinato. A defensa pola súa banda pide a absolución alegando que houbo confesión e dilacións indebidas en todo o proceso. 

O veredicto queda agora en mans do tribunal do xurado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade