Publicador de contidos

Publicador de contidos

Varias testemuñas din que o home acusado de matar outro cun pau en Ortigueira actuou en defensa propia

Varias testemuñas din que o home acusado de matar outro cun pau en Ortigueira actuou en defensa propia

A médica do 061 explicou que no lugar dos feitos a vítima estaba practicamente en coma

A declaración do acusado está prevista para este venres

G24.gal 03/11/2026 14:31

Varias testemuñas que prestaron declaración nesta segunda xornada do xuízo explicaron que o acusado, no mesmo lugar dos feitos, nunha estrada do concello de Mañón, lles contou que lle dera cun pau á vítima para defenderse.

"O meu marido estaba moi nervioso e dixo que, cando o viu baixar do coche, todo acelerado, e que botaba a man ao peto, tivo medo e defendeuse".

"Que tiveran unha discusión e que lle dera cun pau na cabeza". "-Isto quen llo dixo? -O acusado".

Declararon tamén veciños da vítima e do acusado. Un deles manifestou que, ao ver que había un home tombado na estrada, parou o coche por se necesitaban axuda. Conta que lle insistiu, varias veces, á muller do procesado en quedar no sitio, pero díxolle que podía marchar porque xa estaba a ambulancia de camiño.

"Eu tíveno como de aquí a dous metros e non o recoñecín. Porque eu sabía quen era, pero non o recoñecín. Estaba tan pálido, boca arriba. Non o coñecín. Non se movía. Estaba totalmente inmóbil".

E practicamente en coma, segundo explicou a médico do 061 que chegou ao lugar na ambulancia para atender o ferido.

"Había sangue e tiña as pupilas midriáticas, e estaba practicamente en coma".

Está previsto que o xuízo se prolongue ata o próximo venres, que será cando o acusado preste declaración perante o xurado popular.

A Fiscalía pide para el 11 anos de cadea por un delito de homicidio e reclama máis de 256.000 euros en indemnizacións. As acusacións particulares cualifican os feitos dun delito de asasinato e elevan a pena aos 25 anos de cadea. E a defensa solicita a libre absolución alegando que houbo confesión e dilacións indebidas en todo o proceso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade