A UE pide formar a cidadanía ante unha emerxencia: así se actúa agora en Galicia
O 112 lanza os avisos e vai informando os servizos de seguridade minuto a minuto
Se a situación é grave, a policía e os bombeiros poden propoñer que se envíe un ES-Alert
Europa quere estar preparada ante as próximas emerxencias. A Comisión Europea publica novas recomendacións para que a poboación saiba como actuar durante as primeiras horas dunha posible catástrofe.
Bruxelas volve aconsellar que os particulares teñan listo un kit de emerxencia con artigos esenciais e tamén pide que se dea formación nos colexios. Ademais, suxire mellorar a comunicación dos riscos e combater a desinformación e as noticias falsas.
O certo é que as últimas catástrofes, dende a dina de Valencia aos incendios de 2025, pasando por accidentes de tren ou tráfico, foron mudando a resposta dos servizos de emerxencia. Unha das chaves é a xestión da veciñanza ou das persoas que se ven envoltas nunha emerxencia. É fundamental que saiban que deben colaborar, e nunca obstaculizar, coa policía ou cos bombeiros.
"Porque moitas veces o problema que temos é que atopas os accesos ocupados por curiosos ou por xente que está no medio e iso dificukta moito o traballo", pon como exemplo Carlos Costas, o xefe de Emerxencias de Mos, un servizo que atende tamén os concellos de Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior.
"Cun pouquiño de man esquerda (coa xente), non asustala, non ser moi imperativo, senón que entenda que a situación é polo ben da emerxencia", engade Borja Ave, axente dos bombeiros de Mos.
Se a situación é moi grave, a policía e os bombeiros poden propoñer que se envíe unha alerta á poboación. No caso de Galicia, a suxestión vai ao 112, que é o que pode decidir finalmente se se debe transmitir algunha mensaxe polo sistema ES-Alert.
"Nunha catástrofe de calquera magnitude, ante calquera cousa que nós entendamos que pode supoñer un perigo para a poboación podemos facer esa invitación a que o fagan", explica Carlos Costas, o xefe de Emerxencias de Mos.
A importancia da coordinación
Outra das leccións que aprenderon os servizos de emerxencias é a importancia da coordinación. Comprobárono os bombeiros, efectivos de Protección Civil, Garda Civil, Policía Local e Gardacostas da Xunta que participaron no simulacro dun incendio na antiga Fandicosta, en Moaña, recreando o incendio de 2016. Daquela constataran que fallou a organización; unha década despois o resultado foi moito mellor.