Un home sofre queimaduras graves tras un incendio nunha vivenda na Lavacolla
A vítima foi trasladada en helicóptero ao Hospital Clínico da Coruña (CHUAC) para ser atendido na Unidade de Queimados
Un home duns 90 anos tivo que ser evacuado este martes á tarde ao Hospital Clínico Universitario da Coruña (CHUAC) tras sufrir queimaduras no incendio dunha vivenda unifamiliar en Santiago, situada na Lavacolla a pouca distancia do aeroporto compostelán.
Por mor do lume, que xa foi sufocado e se iniciou no garaxe do inmoble, foi preciso evacuar tamén cando menos outras dúas persoas que foron atendidas polos servizos sanitarios.
Segundo o relato do propietario dun hotel que está xusto enfronte da vivenda, foron dous traballadores da seguridade do aeroporto os primeiros en decatarse de que da vivenda saía fume. Colleron un extintor no hotel e dirixíronse cara ao garaxe da casa, onde prendera o lume.
Nun primeiro momento non viron que había unha persoa no interior, pero un operario de Correos, que traballa tamén na zona e que tamén acudira en axuda, viu o home que se estaba queimando e retirouno do interior do garaxe.