Realoxan temporalmente os afectados polo incendio de Verín
Catro vivendas foron desaloxadas ao arder o teito dun edificio da vila
Os afectados pasaron a noite en hoteis, mentres os técnicos avalían o estado do inmoble
Un precinto dos Bombeiros de Verín restrinxe o paso ao interior do edificio. Desde a beirarrúa, Antonio Suárez observa a ventá da súa vivenda. El e a súa muller son dous dos desaloxados por mor do incendio que na madrugada do domingo calcinaba o teito do edificio. Pasaron a noite nun hotel da zona.
"Pasamos toda a mañá aquí e agora estou a durmir nun hotel que paga o Concello. Non sei canto tempo. Eu teño seguro do piso, a ver", explica Antonio.
Nas outras tres vivendas foron desaloxadas doce persoas, de nacionalidade marroquí, pero non se sabe se hai máis afectados que non se atoparan alí no momento do incendio. O propio Concello ocupouse do realoxo en base a un convenio que teñen cos hostaleiros da zona para situacións excepcionais, pero é unha situación temporal, mentres os servizos sociais avalían os casos particulares dos afectados.
"A casa está todo mal. O meu piso era o mellor, os outros, buf", lamenta.
Tamén están preocupados os veciños do edificio contiguo, xa que comparten parede medianeira.
"Como é medianeira, as trabes arderon e polos buratos xa se vían as lapas. Polo momento, nós non temos danos dentro. Se a parede quedou danada non o sei, teñen que vir mirar. El non sei se ten seguro. Nós si, pero aínda non fomos, para que nos veñan mirar", sinala unha veciña.
Están pendentes da avaliación dos técnicos para valorar o alcance dos danos. Aparentemente, a estrutura non sufriu danos, pero o tellado colapsou, o que obrigou a precintar o edificio enteiro.
Fernando Tato, xefe de garda dos Bombeiros de Verín: "Está precintado e a Garda Civil, a Xudicial, está avaliando as consecuencias, polo que non se pode entrar. O primeiro e o segundo andar só foron afectados por fume. As lapas soamente foron no tellado".
Tamén investigan as causas. Todo apunta a que o lume se iniciou no baixo cuberta, que non estaba habilitado como vivenda. Todo o edifico pertence ao mesmo propietario, que reside nas inmediacións.