O acusado de matar un home cun pau en Ortigueira di que colleu medo e defendeuse
O perito que examinou a autopsia explicou que a vítima recibiu, como mínimo, dous golpes, por sorpresa, e sen posibilidade de defensa
O acusado explicou perante o xurado popular que, cando estaba nun monte do lugar da Carreira, en Mañón, apareceu a vítima, en coche, circulando a moita velocidade. Chamoulle a atención, dixo, levantando as mans. A vítima deu marcha atrás e, segundo declarou, desde o vehículo díxolle que ía ir por el. Entre bágoas, asegurou que collera medo e que o agora falecido fora atrás del.
Explicou tamén que chamou inmediatamente ao 061 desde o seu teléfono móbil e que non abandonou o lugar en ningún momento.
Nesta xornada declarou tamén, por videoconferencia, o perito que examinou a autopsia. Explicou que a vítima recibiu, como mínimo, dous golpes no cranio, por sorpresa, polas costas, e sen posibilidade de defensa.
Mañá, os membros do xurado popular recibirán o obxecto do veredicto e retiraranse deliberar ata decidir se o investigado é culpable ou non culpable.