Evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro un home rescatado inconsciente na praia do Vao, en Vigo
Segundo fontes do 112 Galicia consultadas, foi o propio servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o que alertou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias
Arquivo TVG
Un home tivo que ser evacuado este mércores ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras ser rescatado inconsciente na praia do Vao.
Segundo fontes do 112 Galicia consultadas, foi o propio servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o que alertou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, e indicou que tiña un aviso de que acababan de sacar unha persoa da auga.
Todo ocorreu arredor das 11:50 horas na praia do Vao, en Vigo, e os servizos de emerxencia estaban a tentar reanimar a persoa. Por iso, deuse aviso á Policía Local da Cidade Olívica e á Policía Nacional, que se desprazaron ao lugar.
Finalmente, o persoal sanitario, que desprazou unha ambulancia ata o lugar, confirmou pouco despois que a persoa fora evacuada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.