Denuncian o envelenamento de árbores nun parque de Portomarín
As grandes coníferas do Xardín dos Parabéns teñen buratos na base do tronco
Indignación en Portomarín polo suposto envelenamento das árbores de maior tamaño nun dos parques da vila. Trátase das grandes coníferas do Xardín dos Parabéns, plantadas hai máis de medio século e que comezaron a secar hai semanas.
Na base dos seus troncos, a veciñanza descubriu uns buratos polos que puideron introducir un potente herbicida.
Vista do Parque dos Parabéns coas árbores envelenadas
A consecuencia das queixas veciñais, "Portomarín, a famosa vila xardín" foi a primeira conta en facerse eco nas redes sociais deste arboricidio.
A partir de aí, o caso foi denunciado ante o Seprona polo Concello, tanto por parte da oposición como do Goberno local. De xeito unánime, o pobo reclama que se investigue a autoría deste atentado.
Outra conífera do mesmo parque, un cedro libanés, comezara a secar o pasado verán, aparentemente de xeito irreversible.