Como saber cando unha árbore ten risco de caída?
Cómpre buscar sinais de perigo en raíces, pólas e follas
Problemas na estrutura ou fungos poden precipitar a caída
Sustos que pesan toneladas, importantes perdas materiais e mesmo mortes. Con frecuencia a caída de árbores é noticia e malia que algúns accidentes son fortuítos, outros pódense previr.
Os exemplares secos, enfermos ou mal formados preto da vía pública son unha ameaza. Para detectala o primeiro é observar a arquitectura destes edificios vexetais.
"Aquí vemos como o centro de gravidade desta árbore está moi desprazado cara a vía pública. Ademáis hai unha póla de dimensións considerables cunha inserción no tronco que fai unha forcadura en forma de V que pode fallar estructuralmente. Se vai vento pode esgazar e caer sobre os coches aparcados ou as persoas que pasen preto deste xardín", comenta Xavier Loureiro, enxeñeiro forestal de Loureiro Arboricultura Galicia.
Ás veces o problema non é a estrutura, senón a idade ou o propio material que os sostén. Raíces con podremia, falta de vigor, avultamentos anormais no tronco ou feridas sen cicatrizar indican perigo.
"Neste caso vemos unha ferida na cortiza, posiblemente por un golpe de maquinaria, que está aberta. A madeira queda ao descuberto e aquí van entrar os fungos provocando unha podremia futura que xa está iniciada".
E se os fungos penetran moito, a resistencia da madeira pode verse afectada.
"Algúns tipos de fungos poden acabar afectando á celulosa ou á lignina da árbore. A celulosa é como o ferro que vai por dentro do formigón e a lignina sería o formigón".
E non podemos rematar o exame sen botar un ollo ás follas. Debemos comparalas co que é habitual nesa especie.
"Tomando como exemplo as follas dun exemplar san, hai que ver se a masa foliar ten unha densidade normal, observar o tamaño, a coloración".
Nalgúns casos coma, onde se ve podremia, fungos e unha deterioración moi evidente, o mellor é cortar para evitar riscos. Pero moitas outras árbores son recuperables coa axuda de podas, tratamentos fitosanitarios e o consello dos expertos.
"Pódense facer podas para reducir o tamaño e peso de copa, ou podas de saneamento, de rexuvenecemento, ou combinalas. Existen moitas opcións, e se non son viables habería que talar. Pero eu sempre preguntaría a un profesional antes".
Porque as árbores non falan pero emiten sinais de alarma. E mellor velas a tempo para que imaxes coma esta se repitan o menos posible.