Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Compostela máis descoñecida

A Compostela máis descoñecida

A cidade xa existía antes do descubrimento dos restos do Apóstolo

Perderse polas rúas de Santiago, a mellor forma de recuperar a súa esencia máis alá da visita á catedral e ao mercado de abastos
G24.gal 04/11/2026 13:45

Compostela e a súa catedral forman un binomio, ata tal punto que é o primeiro en que pensan todos cando lle preguntan por esta cidade.

Pero Santiago xa existía antes da construción da catedral. Preguntámonos como sería.

Chamábanlle a composita tella. Significa a ben composta, unha vila ben trazada antes xa do descubrimento dos restos do Apóstolo. A catedral cambiou a súa fisionomía pero contra o que todos poidan pensar, o Obradoiro, non era a praza principal.

"Estamos na praza das Praterías que é a antiga praza da vila, onde está a igrexa que é a catedral, a torre, o reloxo e a fonte", explica Carlos Sánchez-Montaña, arquitecto e investigador da cidade de Santiago de Compostela.

O que agora se coñece como o ensanche eran todo senras, terras de cultivo. A memoria agrícola consérvase no nome das rúas como a Senra, o Hórreo e Pitelos. 

"A senra é lugar de produción, o hórreo é o lugar onde se gardaba esa produción e as pitelas, os pitelos era a madeira para cociñar", continúa o arquitecto.

Esta cidade universitaria e centro mundial de peregrinacións viviu un desenvolvemento urbano, non sempre atinado, para a nostalxia dos santiagueses. Así era a praza de Galicia.

"Aquí onde estamos que había o edificio famoso do Castromil marabilloso que foi terrible que o tiraran, pois é un caso por exemplo", lamenta un santiagués.

Hoxe en día a catedral e a praza de abastos son os lugares máis visitados, pero Compostela é moito máis.

"Perderme pola zona vella pero por arriba, por Loureiros, por San Martiño Pinario, o barrio de Conxo é moi interesante, o barrio do Sar, tamén hai moita vida", propón unha veciña de Santiago.

Ás portas xa do ano santo, paga a pena facerlle unha revisión para recuperar a memoria e a esencia de Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade