Cortado un túnel de Ribadavia polo golpe dun camión
O impacto dun guindastre contra unha ponte do ferrocarril obrigou a cortar a circulación na estrada local OU-406, que discorre baixo as vías
O tráfico ferroviario non sufriu alteracións, pero os coches teñen que dar un rodeo que colleu por sorpresa os condutores
Técnicos do Adif trasladáronse ata o lugar do accidente para avaliar os danos tanto na parte superior, a das vías, coma no túnel, onde se produciu o impacto. Un camión guindastre que superaba a altura máxima permitida bateu contra unha trabe de formigón e rachouna.
"Sentín o golpe pero non me fixei que había un accidente". "Pero aí hai un sinal que pon que a certa altura non poden pasar", explican dous veciños.
Como medida de seguridade, Concello e Policía Local optaron por pechar provisionalmente o túnel ao tráfico rodado. Os peóns si que poden circular, pero os condutores deben dar un rodeo, o que está ocasionando certa confusión. Moitos optan por daren a volta.
"Eu, que vou facer? Non o sei, que é isto?". "Debe ser un camión ou algo, pero non me decatei. Dou a volta e xa está". "Tes que volver por San Paio ata a rotonda. O que tardabas cinco minutos, tardas quince ou vinte", comentan varios condutores.
O mesmo ocorre na outra entrada do túnel, ao pé da estación de autobuses.
"Os condutores están desesperados. Eu vin no autobús de Vigo e os coches que queren pasar están todos parados que se volven tolos". "Agora teño que cruzar e vou intentar cruzar igual". "O meu fillo, que me vén buscar, díxome que viñera por debaixo do túnel porque non podía pasar", contan dous peóns.
Desde o Concello sinalan que xa están en conversas co ADIF e coa Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta, para solucionar a situación canto antes, o que vai requirir a substitución da trabe danada.