Sufocan un lume intencionado no barco ornamental de Alfonso Molina, na Coruña
A rápida actuación dos bombeiros evitou que as lapas se espallasen por todo o barco
As lapas orixináronse de madrugada e afectaron á popa do barco Atalaya, instalado na entrada da cidade herculina. Segundo fontes municipais, o incendio foi intencionado.
"Sempre hai delincuentes que queren facer o mal". "É que non se debería de facer. A quen lle molesta? O que pasa é que está moi vello".
Falan da deterioración que sofre este emblemático barco sen esquecer que, desde hai anos, está a ser vítima dunha serie de sinistros.
"Están continuamente enriba do pobre barco que xa está todo afundido". "E un coche que tamén bateu contra el".
Nun accidente acontecido en xaneiro de 2009, e non foi o único, o condutor, un mozo de 25 anos, resultaba ferido grave tras perder o control do seu coche e esnafrarse contra un dos laterais da embarcación.
"Coches que baixan a velocidades que non están permitidas".
Amais, hai catro meses, dúas persoas, que levaban consigo roupa e enseres, intentaron ocupalo. A veciñanza alertou a Policía Local e a súa rápida intervención, evitouno.
Por todo isto, os veciños piden medidas para poder conservalo en bo estado.