Segunda madrugada consecutiva de incendios en coches en dous barrios próximos da Coruña
Desta volta, as lapas afectaron o maleteiro e as rodas traseiras dun coche estacionado no barrio das Flores
A Policía Nacional xa investiga os feitos
Coa parte traseira completamente calcinada e todo o interior carbonizado, así quedou o vehículo tras ser afectado polo lume. Un incendio que se orixinou cando a veciñanza durmía, pouco antes das cinco da mañá.
"Eu escoitei ruídos, pero pensei que era o camión do lixo e non fixen caso. Serían os bombeiros, claro!". "Cando mo dixeron xa souben que o coche era dunha moza que veu vivir ao barrio hai tres meses. Pero non sei se ardeu primeiro o contedor ou o coche", din os veciños.
Polo momento, descoñécese se o incendio foi intencionado ou accidental. Pero no barrio teñen as súas sospeitas porque, segundo contan, na madrugada anterior xa se rexistraran dous incendios en elementos urbanos.
"Si, arderon dous contedores". "Deberon queimar o contedor pequeno porque alí había moita madeira amoreada. Iso foi intencionado".
Din amais que é casualidade que arda este coche tan só 26 horas despois destoutro, no próximo barrio de Eirís, que estaba estacionado nun patio privado.
Os propietarios do coche presentaron a correspondente denuncia e a policía xa recolleu pegadas no lugar dos feitos para esclarecer que foi o que pasou.