Arden dous coches de madrugada nun patio da Coruña
As fortes explosións e os berros dalgúns veciños fixeron que moitos saísen de madrugada das súas vivendas
Os bombeiros lograron sufocar as lapas de ambos os dous vehículos de xeito simultáneo sen afectar a outros coches, bens materiais ou persoas
Un dos vehículos quedou completamente calcinado e afectou ao que estaba estacionado xusto ao lado. O lume comezou pouco despois das dúas e media da madrugada, sobresaltando a veciñanza.
"Escoitamos unhas explosións moi fortes e tamén a alarma. E xa nos asomamos e vimos que estaba un coche ardendo. E, ao pouco, comezou a arder o outro que estaba estacionado ao lado".
A escena xerou unha grande alarma nun inmoble da avenida de Lamadosa, sobre todo entre os residentes dos baixos.
"Escoitamos berros". "É que os que viven nos baixos tiveron o lume moi preto". "Saímos á rúa".
E en menos dun cuarto de hora, din, chegaron os bombeiros. Segundo recollen no seu parte de emerxencias, na zona "existía un derrame de combustible ardendo".
"Dixeron que pode ser que lanzaran un petardo".
Os bombeiros lograron sufocar as lapas de ambos os dous vehículos de xeito simultáneo sen afectar a outros coches, bens materiais ou persoas.