A Policía rescata un home que quedou atrapado nunha vivenda que estaba ardendo no Porriño
O rescatado necesitou asistencia médica pola inhalación de fume
Un dos cuartos da casa quedou totalmente calcinado
Policía Local O Porriño. TVG
Un home tivo que recibir asistencia sanitaria este venres despois de quedar atrapado no interior dunha vivenda que estaba ardendo no Porriño e da que foi rescatado pola Policía.
Segundo informou o 112 Galicia, o incendio comezou pasadas as 17.00 horas nun inmoble situado na rúa Lugo.
Foron axentes da Policía Local os que alertaron a Emerxencias de que estaba ardendo unha vivenda e que había unha persoa atrapada dentro.
A persoa necesitou asistencia médica
Os axentes conseguiron acceder ao inmoble tras botar abaixo a porta e rescatar ao ocupante, que presentaba síntomas compatibles coa inhalación de fume e necesitou atención médica. Ata o lugar desprazáronse profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e efectivos dos Bombeiros do Baixo Miño, que se encargaron de extinguir as lapas.
O lume chegou a arrasar por completo un cuarto da vivenda, mentres que o fume provocou danos no resto do inmoble.