Publicador de contidos

Publicador de contidos

Activo un incendio en Manzaneda que se suma ao de Calvos, en nivel 2 tras calcinar 350 hectáreas

Activo un incendio en Manzaneda que se suma ao de Calvos, en nivel 2 tras calcinar 350 hectáreas

O foco de Manzaneda afecta unha superficie de 20 hectáreas, segundo as estimacións provisionais de Medio Rural

G24.gal 25/09/2026 09:21

Activo un incendio forestal no concello ourensán de Manzaneda, na parroquia de Reigada. O lume iniciouse ás 01:15 horas deste venres e, segundo as últimas estimacións provisionais de Medio Rural, supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 6 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 1 pa.

É o segundo foco que permanece activo na provincia de Ourense, despois do de Calvos, que queimou xa 350 hectáreas de superficie na parroquia de Randín, e o de Vilariño de Conso, que está estabilizado tras calcinar 1,5 hectáreas en San Lourenzo de Pentes.

Segue o nivel 2 en Calvos pola proximidade do lume ás casas 

O que máis preocupa é o de Calvos. A consellería mantén activo o nivel de alerta 2 debido á proximidade das lapas a vivendas de Meaus, no concello de Baltar. 

O alcalde, José Antonio Feijoo, explica que se atopan vixilantes, aínda que recoñece que existe certa tranquilidade na zona polo gran número de medios aéreos despregados e pola dirección do vento. 

Nas tarefas de extinción traballan nove avións, catro helicópteros, catro motobombas, nove brigadas, dúas unidades técnicas de apoio, unha pa, oito axentes e un técnico.

Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) ten dous anfibios alfa, unha anfibio foca, dous avións Tango e dúas brigadas no lugar.

A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar de incendios forestais activos en Galicia. 

Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade