Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres bombeiros feridos, un de gravidade, en dous incendios en Portugal

Tres bombeiros feridos, un de gravidade, en dous incendios en Portugal

O ferido máis grave é unha bombeira á que lle caeu unha árbore mentres participaba na extinción dun lume declarado o xoves pola noite en Resende

Incendio en Santo Tirso (RTP) Incendio en Santo Tirso (RTP)
G24.gal 25/09/2026 09:49

Tres bombeiros resultaron feridos, un de gravidade, durante os labores de extinción de dous incendios forestais que permanecen activos á primeira hora deste venres no norte e o sur de Portugal, onde máis de 650 efectivos combaten as lapas.

O ferido máis grave é unha bombeira á que lle caeu unha árbore mentres participaba na extinción dun lume declarado o xoves pola noite no municipio de Resende, no norte do país. Este incendio mobilizaba 221 efectivos, segundo Protección Civil.

No sur, outros dous bombeiros sufriron feridas leves nun accidente cun vehículo de extinción que acabou consumido polas lapas no municipio de Odemira, na rexión do Alentexo. Ese lume seguía sen controlar, con 439 efectivos e 149 vehículos despregados, segundo datos da Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil.

Máis de setenta municipios do interior do norte e o centro de Portugal e da rexión meridional do Algarve permanecen este venres en perigo máximo de incendio, segundo o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA). Outros noventa municipios están en perigo moi elevado, pese ao descenso das temperaturas previsto para hoxe no norte e o centro do país.

No arquipélago atlántico de Madeira, as costas norte e sur da illa principal e a veciña illa de Porto Santo están baixo aviso laranxa pola persistencia de temperaturas máximas elevadas ata as seis da tarde. As zonas montañosas de Madeira permanecen baixo aviso amarelo por calor. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade