Medio Rural amplía o período de alto risco de incendios ata o 15 de outubro
A extensión en 15 días prodúcese atendendo ás actuais condicións meteorolóxicas e aos índices de risco de incendios
A Consellería do Medio Rural acordou ampliar entre o 1 e o 15 de outubro o período de alto risco de incendios, atendendo ás actuais condicións meteorolóxicas e aos índices de risco de incendios, que permanecen en niveis elevados.
A época de alto risco, en que o despregadura de medios de extinción e alerta debe ser máxima, estaba establecido orixinalmente entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, por unha orde do 5 de xuño deste ano. Non obstante, e ante a evolución de temperaturas e precipitacións das últimas semanas, e atendendo á previsión das próximas, este xoves o Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que ese período se amplía en 15 días.
O borrador do anteproxecto de lei de loita contra os incendios forestais de Galicia, que nestes días inicia a súa tramitación, xa vai establecer para futuros exercicios que o período de alto risco vaia do 16 de xuño ao 15 de outubro de cada ano.
O anteproxecto apunta aos "antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia", como motivo para esta ampliación nun mes, sumado "á incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume" nesta época.
Con todo, a Administración poderá ampliar a duración da época de perigo, como xa ocorre actualmente, e acaba de suceder, máis alá desas datas predeterminadas.