Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nova política contra os incendios: período de alto risco máis longo e maiores faixas de seguridade

G24.gal 23/09/2026 11:05

O borrador do anteproxecto de lei de loita contra os incendios forestais de Galicia introducirá cambios a partir do próximo ano na forma na que se afronta a prevención e a extinción, entre eles o aumento nun mes do período de alto risco e unhas faixas de seguridade que incrementarán o seu tamaño en determinados casos.

Xa o luns, tras a súa aprovación no Consello da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzaban unha norma máis específica aos riscos de cada zona, que endurece as condicións de limpeza das faixas e permite desaloxos con ordes verabis inmediatas.

Período de alto risco

O período de alto risco de incendios, que actualmente vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, pasará a ser do 16 de xuño ao 15 de outubro de cada ano.

O anteproxecto apunta aos "antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia", como motivo para esta ampliación nun mes, sumado "á incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume" nesta época.

Con todo, a Administración poderá ampliar a duración da época de perigo, como xa ocorre actualmente, máis alá desas datas predeterminadas.

Tamaño das faixas de seguridade

As faixas de seguridade para previr os incendios, e que implican unhas obrigas de limpeza para os seus propietarios, manteñen como norma xeral o tamaño dos 50 metros. Porén, estas poden chegar aos 100 metros en determinados casos.

Serán maiores cando previamente houbo casos de incendios que obrigaron a declarar a situación 2, en que a proximidade do lume supón un risco directo para as vivendas.

Ademais a contorna das vías de comunicación e outras infraestruturas terán tamén tamaños específicos. Así, no caso de autovías e autoestradas o tamaño será de 20 metros. Nas estradas convencionais será de 10, e nas vías do ferrocarril 8 metros.

Tamén se duplica a distancia (de 5 a 10 metros) en liñas e subestacións eléctricas, ou instalacións solares; mentres que se cuadriplica no caso dos depósitos de gas (mínimo de 20 metros) e en telecomunicacións (20 metros).

En canto aos criterios para acometer as rozas, regúlanse na propia lei mediante un anexo: os 50 metros son unha área sometida a xestión da biomasa, pero iso non implica que haxa que retirar todas as árbores. Dependerá da especie, e algunhas poden manterse sempre e cando se cumpran as directrices de poda, rareo e descontinuidade correspondente.

De forma específica nestas faixas establécese a probibición de plantar eucaliptos, piñeiros, acacias e outras especies pirófilas, coa obriga da súa erradicación.

Nas zonas da interface urbano-forestal (áreas urbanizadas nas que vivendas ou instalacións colindan con terreos agroforestais), clarifícase que esta prohibición non será aplicable en parques e xardíns, árbores singulares ou aqueles que cumpran funcións ornamentais ou estean illados, de forma que non supoñan un risco para "a propagación de incendios incontrolados e vexetación".

Vía da expropiación forzosa

Máis alá da regulación específica da interface urbano-forestal, e da remisión dos seus responsables ao mesmo sistema de control, execución subsidiaria e sanción previsto para as faixas de seguridade, o anteproxecto mantén e reorganiza os mecanismos de execución subsidiaria e o réxime sancionador se un propietario non cumpre.

Tamén se manteñen as vías xa incluídas legalmente na norma agora en vigor: da posibilidade de que os concellos poidan limpar parcelas sen orde xudicial, á opción de que, naquelas leiras de propietarios descoñecidos nos que os custos de limpeza igualen ou superen o valor catastral se poida proceder á expropiación.

No caso de que a persoa beneficiaria da expropiación fose a administración local, a norma ratifica que poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia.

Igualmente, o texto recalca que corresponde aos concellos a "prevención dos incendios nas faixas secundarias e nos chans cualificados como urbanos, de núcleo rural ou urbanizables", do mesmo xeito que "a seguridade de cumprimento das medidas preventivas respecto de a xestión da biomasa na interface urbana-forestal do seu termo municipal". Iso si, apunta á "cooperación" entre administracións para mecanismos de coordinación e dotación de medios.

O mesmo que xa estaba regulado, as infraccións poden recibir sancións económicas, cuxa contía varía en función da gravidade. Son leves cando non se produzan en zonas estratéxicas de xestión e van de 100 a 1.000 euros. E son graves cando se produzan en zonas estratéxicas de xestión, e van de 1.001 a 100.000 euros.

Mellora do índice de risco diario

Outra cuestión á que se presta atención o novo texto é a modificación do actual índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) que incluirá unha mellora para ser máis detallado, territorializado e funcionar con maior anticipación.

En detalle, prevese a súa determinación a nivel municipal e establécese expresamente que se teñan en conta a información meteorolóxica, o estado hídrico das partes vivas e mortas da vexetación e o chan, a vulnerabilidade territorial e o comportamento esperado do incendio. Ademais, a Xunta quere dispoñer dunha previsión con tres días de antelación.

O obxectivo deste novo IRDI é que funcione incorporando variables relacionadas coa dispoñibilidade real do combustible para arder e coa situación do territorio.

Cando o IRDI sexa moi alto ou extremo establécese a suspensión automática de todas as autorizacións de queima, prohíbese a súa utilización en áreas recreativas e refórzase a revogación automática dos permisos sobre o lanzamento de artefactos pirotécnicos.

Tamén, coa mesma situación do risco, limítase o uso de maquinaria que xere faíscas de 12 a 18 horas, agás que conte cun vixiante dedicado e un vehículo con polo menos 400 litros de auga e equipo de extinción.

Réxime de axudas ante "incendios extraordinarios"

Outro dos apartado que recolle a norma é dun réxime de axudas e subvencións en casos de incendios "extraordinarios", os cales dean lugar á activación de plans de emerxencia de protección civil en Galicia. O Consello da Xunta adoptará a súa aplicación, en forma de decreto (que fixará condicións, requisitos e contías máximas), tras informe da Axencia Galega de Emerxencias.

Terán como obxectivo paliar os danos, atender situacións de necesidades dos veciños e entidades, contribuír á restauración das zonas e restablecementos de servizos esenciais. Así, outorgaranse de forma directa "por razóns de interese público, social e humanitario".

O decreto de axudas da Xunta poderá autorizar convenios de importe superior a 150.000 euros ou de carácter plurianual, en función da emerxencia. Financiaranse con cargo a un fondo extraordinario.

A tipoloxía por danos recolle sete subtipos: persoais, vivendas, establecementos comerciais e industriais, tecores, explotacións, infraestruturas públicas en espazos protexidos e entidades locais.

Entre outras cuestións, cubrirá o aloxamento temporal de afectados por incendios, gastos de transporte, a restauración de chans queimados ou novas plantacións sustitutorias. Tamén inclúe a suspensión de procedementos administrativos de prexudicados.

O anteproxecto irá en outubro ao Parlamento para iniciar a súa tramitación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos