Tres semáforos levan semanas inoperativos en Vilagarcía
A reparación agarda a que a empresa que provocou a avaría asuma o custo da reparación
Durante as obras de mellora do saneamento e construción dos tanques de tormentas que executa Augas de Galicia en Vilagarcía, unha escavadora da empresa concesionaria, Petrolam, ao abrir unha gabia rompeu os cables dos semáforos que regulan o tráfico na avenida de Cambados e o cruzamento coa rúa Camilo Xosé Cela. Como consecuencia, os semáforos quedaron inoperativos. O problema é que pasaron xa 3 semanas do incidente e os semáforos seguen sen funcionar, cos conseguintes trastornos para peóns e condutores.
Desde o Concello de Vilagarcía instaron a empresa responsable da avaría para que a reparase. Desde Petrolam comunicáronlles que xa repuxeron as tubaxes dos cables dos semáforos, pero a empresa que leva o mantemento deles esíxelle o pago da reparación. E mentres a trasfega burocrática e de responsabilidades segue estancada, aos veciños a espera fáiselles excesiva.
Riscos como os que teñen que asumir os condutores que se incorporan desde a rua Camilo Xosé Cela á avenida de Cambados. Agora teñen que asomarse para ter visibilidade abondo. Mentres se resolve quen paga e quen arranxa os semáforos, peóns e condutores deben poñer os cinco sentidos alerta.