Veciños dun edificio de Ferrol reclaman o arranxo dun tubo de augas residuais
Augas fecais que anegan o ascensor, cheiros en todo o inmoble e, por se fose pouco, mosquitos a todas horas
Os afectados din que para arranxar as filtracións deben acceder a un baixo propiedade de R, coa que levan semanas intentando falar
Desde a empresa, aseguraban esta mañá, que xa se puxeron en contacto cos veciños para axudalos na busca dunha solución
Co oco do ascensor anegado por augas residuais, as escaleiras son a única opción para as arredor de 20 familias que viven neste edificio do barrio de San Xoán en Ferrol. Nas plantas máis altas, hai nenos pequenos e unha persoa con mobilidade reducida.
"Non hai dereito que miña nai con 94 anos, levamos tres anulacións de médicos e non dan solución".
"Estamos cun cheiro que non hai quen pare dentro do portal. Hai moita xente con nenos pequenos, e de arriba para abaixo a pé. E claro, isto non é unha cousa que sexa da semana pasada, levamos unha pila de anos", din dous veciños.
Levan así preto dun mes e xa tiveron o mesmo problema noutras ocasións. Lucía teme que a xestoría que ten no baixo do inmoble se inunde como lle pasou a última vez, aínda que de momento o seu problema é outro.
"Nós estamos cheas de mosquitos, non se pode traballar e con augas fecais, por debaixo", conta.
A orixe das filtracións din que está nunha fisura dun tubo, que para reparalo deben acceder desde este local, onde a compañía R ten un centro de datos que dá servizo a toda a comarca.
Desde a empresa R aseguran que xa contactaron coa veciñanza coa intención de prestar axuda na busca dunha solución.