Ascenden a 45 as hectáreas queimadas no incendio do Porto do Son
O lume afecta á parroquia de Ribasieira
Ascenden a 45 as hectáreas queimadas polo incendio do Porto do Son. O foco declarouse contra as 14:42 horas na parroquia de Ribasieira, segundo a Consellería do Medio Rural.
Nas tarefas de extinción traballan cinco helicópteros, catro avións, oito brigadas, cinco motobombas, dúas pas, sete axentes, un técnicos e dúas unidades técnicas de apoio.
O condutor dunha motobomba da brigada municipal de Noia que traballaba neste dispositivo quedou ferido leve este luns ao sufrir unha caída por un barranco. "Saíu da pista e deu varias voltas de campá". Segundo Medio Rural, conseguíu abandonar o vehículo polos seus propios medios, estaba consciente e permanece en observación, segundo relata o Concello de Noia.
Extinguido o conato de incendio da serra do Xurés
Por outra banda, o conato de incendio rexistrado este luns no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no municipio de Calvos de Randín (Ourense), deuse por extinguido. Estímase que queimou 0,3 hectáreas.
O lume declarouse ás 17:10 horas deste luns e na súa extinción traballaron dúas motobombas, dúas brigadas e dous axentes.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, así como outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.