Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desmantelan cinco puntos de plantacións de marihuana na comarca do Condado

Desmantelan cinco puntos de plantacións de marihuana na comarca do Condado

En total, nestas intervencións, en menos dun mes, a Garda Civil incautouse de case 40 plantas de marihuana

G24.gal 22/09/2026 09:37 Última actualización 22/09/2026 10:54

A Garda Civil investiga varias persoas por delitos contra a saúde pública pola súa presunta vinculación con cinco plantacións de marihuana localizadas na comarca do Condado, nos municipios de Ponteareas, Mondariz e Mondariz-Balneario.

Segundo informaron fontes da Comandancia, as intervencións desenvolvéronse desde finais de agosto. Así, o pasado 31 de agosto, os axentes incautáronse de 11 plantas de marihuana que un home de 51 anos tiña en Mondariz. As investigacións permitiron identificar outras tres persoas e localizar outras catro plantacións: o 11 de setembro, en Angoares, Ponteareas, a Garda Civil atopou nunha vivenda un invernadoiro con cuberta de plástico baixo a que había varias plantas de marihuana de gran tamaño e procedeu a investigar ao dono, un home de 41 anos.

O 14 de setembro en Padróns, tamén en Ponteareas, os axentes localizaron unha plantación composta por 14 plantas de gran dimensión nas inmediacións dun domicilio, e investigaron o seu dono, un home de 73 anos. Ao día seguinte localizaron outra plantación en Ponteareas, en Areas, e investigan por iso un home de 48 anos, que, ao sospeitar das pescudas, xa cortara a maior parte da colleita e só se lle puido intervir unha planta de gran tamaño.

Finalmente, nas últimas horas foi localizada outra plantación na estrada de Vilasobroso, en Mondariz-Balneario, e investígase por iso unha muller de 51 anos. En total, nestas intervencións, en menos dun mes, a Garda Civil incautouse de case 40 plantas de marihuana. As dilixencias instruídas foron postas á disposición da autoridade xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade