Estabilizado o incendio de Silleda, que afecta xa unhas 60 hectáreas
A alcaldesa asegura que haberá que avaliar o nivel de afectación desta valiosa zona arqueolóxica
A Consellería de Medio Rural deu por estabilizado pasadas as sete e media da tarde deste venres o incendio que afecta o concello de Silleda, que queimou xa, segundo as últimas estimacións, unhas 60 hectáreas.
ESTABILIZADO o #IFOleirosSilleda, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 60 hectáreas
— incendios 085 (@incendios085) September 18, 2026
O lume, declarado na parroquia de Oleiros, comezou ás 22:49 horas do pasado xoves. Para a súa extinción mobilizáronse 14 axentes, 19 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 2 técnicos, 3 avións e 3 helicópteros.
Segundo explicaba a alcaldesa, Paula Fernández, o foco está na contorna do xacemento de petróglifos de Chao de Petos, no monte de Castro Montaz, polo que "haberá que avaliar o nivel de afectación" a esta valiosa zona arqueolóxica.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, así como outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.