Publicador de contidos

Publicador de contidos

As condicións da madrugada permiten avanzar na estabilización do incendio de Quiroga

As condicións da madrugada permiten avanzar na estabilización do incendio de Quiroga

O acalde deste concello do Courel asegura que está "practicamente estabilizado"

G24.gal 17/09/2026 10:43 Última actualización 17/09/2026 11:03

Os traballos para a estabilización e extinción do incendio de Quiroga evolucionan favorablemente. "Tivemos unha boa noite, puidemos estar traballando na liquidación do incendio. As condicións meterolóxicas melloraron, subiu a humidade e baixou o vento e traballamos bastante ben", explicaba no informativo Bos díasAlberto Dávila, axente ambiental, coordinador dos labores de extinción.

"Esperemos que siga mellorando. Estamos falando nuha zona de montaña, de serra, cunha orografía complicada, e nas horas centrais do día soben as temperaturas e levántase vento. Imos seguir moi pendentes", relataba o axente.

Pola súa parte, o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, en declaracións á Axencia EFE dicía que o incendio que comezou o martes ás 15:25 horas na parroquia de Pacios da Serra, está "practicamente estabilizado", despois de arrasar unhas 360 hectáreas de superficie.

Este mércores foi preciso declarar a situación 2 por proximidade aos núcleos de Casas do Vello, As Barxas e Penarrubia. Xa á noite, esa situación desactivouse contra ás nove da noite.

“Aínda que non había un perigo inminente, optouse por desaloxar aos veciños, pero puideron regresar ás súas casas pola noite sen ningún problema”, subliñou o rexedor local.

"Foron momentos complicados, cun salto [do lume] nunha estrada e tivemos que declarar a situación 2 por proximidade sobre todo ao núcleo das Barxas", recordaba Dávila, quen explica que "o Courel é dunha orografía moi complexa, precioso, pero para os incendios é complicado traballar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade