Así é a lei coa que a UE quere arredar e protexer os menores das redes sociais
A norma veta o acceso dos menores de 13 anos a redes sociais e limita as súas funcións ata os 15
(Zuma Press/Thomas Fuller/Europa Press)
A Comisión Europea (CE) presentaou este xoves a proposta da UE Kids Act, que prohibe aos menores de 13 anos o acceso a redes sociais, fixa en 15 anos a idade mínima para abrir conta propia e obriga ás plataformas a demostrar que os seus servizos son seguros por deseño.
A proposta articúlase en catro eixos: atraso do acceso a redes sociais (veto ata os 13 anos, contas resxtrinxidas con controis parentais de 13 a 15 cun máximo dunha hora diaria); seguridade por deseño (prohibición de scroll infinito, notificacións nocturnas e chatbots de IA que xeren dependencia emocional); verificación de idade, e execución con auditorías obrigatorias e expedientes resoltos en 90 días.
"Para que quede moi claro: un límite de idade non significa deixar ás tecnolóxicas libres de responsabilidade sobre o contido das plataformas, (que) estiveron xogando coa saúde mental dos nosos fillos", dixo en conferencia de prensa a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen.
Atraso no acceso
A norma establece un enfoque gradual por idades: veto de pantallas antes dos 3 anos, acceso só vía conta parental a vídeo infantil de 3 a 13, minicontas parentais de 13 a 15 e conta propia a partir desa idade.
O regulamento aplicarase a redes sociais, plataformas de vídeo, videoxogos en liña, chatbots e compañeiros de intelixencia artificial (IA), tendas de aplicacións e sistemas operativos, quedando exentos os servizos educativos sen ánimo de lucro e os operados por autoridades públicas.
"Asegurámonos de que os nosos fillos poidan gozar dos seus dereitos na internet: aprender, manterse conectados e explorar", dixo a vicepresidenta executiva encargada de Soberanía Dixital, Henna Virkkunen, xunto a Von der Leyen.
Pero, baixo estrita supervisión do titor e con salvagardas, como un límite máximo de uso, aprobar previamente os posibles novos contactos, e fixar un límite máximo no número doutros usuarios aos que o seu fillo pode acceder a través da conta do titor", apuntou.
"Seguridade por deseño"
As obrigacións de seguridade por deseño, que se aplican a todos os menores de 18 anos, prohiben o desprazamento (scroll) infinito e definen as "horas nucleares de sono" como polo menos oito horas consecutivas entre as 22.00 e a 08.00 hora local, período no que quedan prohibidas as notificacións automáticas.
Os chatbots de compañía de IA deberán ter desactivada por defecto a memoria conversacional persistente con menores e non poderán simular relacións interpersoais que xeren dependencia emocional.
Os perfís de menores deberán ser privados por defecto, coa xeolocalización, a cámara e o micrófono desactivados, o cal só poderá modificarse a partir dos 15 anos con consentimento explícito do menor. Quedará prohibido por defecto tamén o uso de retransmisións en directo.
"Ata hoxe, moitas veces tiñamos que buscar nós o deseño aditivo: falábase coas plataformas, prometían mellorar. O tempo pasaba, e iso a costa dunha infancia ou unha adolescencia", dixo Von der Leyen, e engadiu: "Agora é ao revés. Se unha plataforma quere acceder aos menores, primeiro ten que demostrar que é segura".
Nos videoxogos, a norma prohibe expoñer aos menores a sistemas de recompensa variable, incluídos as caixas de botín (loot boxes), pola súa vinculación con condutas compulsivas e de tipo aposta.
Verificación de idade
As plataformas deberán comprobar a idade ao crear unha conta nova mediante a solución de verificación de idade da UE, que non retén documentos de identidade nin datos biométricos. A autodeclaración de idade non se considera, por si soa, un método válido.
Para contas xa existentes bastarán indicios razoables, como a data de creación da conta, sen necesidade dunha verificación retroactiva xeneralizada.
A proposta remítese agora ao Parlamento Europeo e ao Consello -os países- para a súa tramitación polo procedemento lexislativo ordinario.