Quince anos de música para celebrar unha edición chuviosa do Festival da Luz
Unha experiencia solidaria que enxalza a música, o territorio, a identidade rural e o compromiso social
A anfitrioa, Luz Casal, e Dorian actúan o domingo para despedir a edición deste ano
Ao mediodía comezaban as actuacións desta segunda xornada do festival, con moitos asistentes que o venres comezaron xa a acampar arredor da casa natal de Luz Casal sen importarlles as previsións meteorolóxicas. Para este sábado xa non se podían conseguir as entradas na web e só quedaron as do despacho do evento para os últimos visitantes.
Despois dun primeiro día de rock, tocaban 16 horas de música sen pausa nos cinco escenarios onde os artistas foron actuando, incluso en simultáneo. Abriron os concertos os Santiaguiños de Boimorto, e ao longo do día a música galega de Treixadura, Budiño ou The Rapants soan a carón de Cómplices ou Carlos Sadness e Chambao, que actúan xa entrada a noite. En total, trinta concertos con espazos para DJs que alongarán a festa ata as catro da mañá.
Unha mostra solidaria de dinamización cultural no rural
Ademais das 30 horas de música en directo o festival ofrece gastronomía, artesanía, actividades para diferentes públicos e propostas vinculadas á sustentabilidade.
"A traxectoria do Festival da Luz demostra tamén que a descentralización cultural non significa renunciar á ambición, senón todo o contrario, ao permitir que desde un concello do rural galego se desenvolva unha programación capaz de reunir artistas de primeiro nivel e atraer visitantes, ao tempo que se xera actividade económica e cultural no territorio", aseguraba na xornada de apertura Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027.
O festival mantén o seu carácter solidario e destinará este ano os fondos recadados a COGAMI para impulsar programas de autonomía e inclusión
Espazo propio para a rapazada
A zona infantil dálles acubillo ás propostas dirixidas aos máis cativos: obradoiros, xogos tradicionais, circuíto de tractores, inchables e unha chea de atraccións fan deste festival un dos máis familiares do verán galego. Desde a unha da tarde a "mini disco" abriu as súas portas con seis concertos complementados con maxia, malabares e ecoloxía no Millo Circus.
A xornada de peche, o domingo
Despois de confirmarse a suspensión da actuación de Pablo Alborán por prescrición médica, o festival programou as actuacións da banda barcelonesa Dorian e da anfitrioa Luz Casal, que subirá ao escenario para ofrecer un concerto especial que lle poña o albaroque a esta décimo quinta edición do festival. Tamén actuarán entre outros artistas Luar na Lubre, Ona Mafalda, La Bien Querida ou La Paloma.