O documental Kiro pecha o seu paso polo OUFF cun triple recoñecemento
O filme conseguiu a Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Panorama Galicia,o Premio do Público da mesma sección e María Yáñez recibiu ademais unha mención especial á dirección polo seu traballo na que é a súa primeira longametraxe
KIRO, o documental dirixido por María Yáñez arredor da figura de Ana Kiro e da súa extraordinaria relación co público, pecha o seu paso polo Ourense Film Festival (OUFF) cun triple recoñecemento: a Calpurnia á Mellor Película da Sección Oficial Panorama Galicia, outorgada polo xurado, o Premio do Público da mesma sección e María Yáñez recibiu ademais unha mención especial á dirección polo seu traballo na que é a súa primeira longametraxe.
Tres recoñecementos que confirman a excelente acollida da película desde a súa estrea mundial o pasado 26 de setembro no Teatro Principal de Ourense, onde se presentou por primeira vez ante os espectadores.
"Para unha primeira película, levar o premio do xurado e o do público é o mellor. Non se pode aspirar a máis", asegura María Yáñez. A directora destaca que os premios "dan moita forza para esta viaxe que nos encantou comezar en Ourense" e confía en que "esta Calpurnia nos dea sorte para todo o que queda de estrea".
Yáñez reivindica ademais a experiencia cinematográfica que propón o filme, que chegará aos cinemas o 11 de decembro.
"É unha película documental, unha viaxe musical para ver en pantalla grande. Queremos que sexa a película deste Nadal, para ver con toda a familia".