Cineuropa clausura a súa 40 edición co premio á mellor película para "Chronovisor"
O premio Cineuropa foi para o produtor Felipe Lage, en recoñecemento á súa contribución e proxección do Novo Cinema Galego
Esta edición pecha coa estrea do filme "As Augas", no que Ledicia Sola debuta como directora
Cineuropa celebrou esta noite a clausura da súa 40 edición na que se deu a coñecer o palmarés do certame.
A gran triunfadora foi Chronovisor, a primeira longametraxe conxunta dos cineastas estadounidenses Jack Auen e Kevin Walker. Fíxose co premio á Mellor Película do Xurado Oficial e co Especial do Xurado Novo.
O filme propón unha viaxe polos límites entre a historia, a ciencia e o ocultismo a través da investigación dunha académica francesa sobre un enigmático dispositivo capaz de reproducir imaxes do pasado. Este dobre recoñecemento sitúa a película como a gran protagonista dunha edición dedicada a mudar a mirada do espectador.
Premio Cineuropa para Felipe Lage
Na gala tamén recolleu o premio Cineuropa o produtor Felipe Lage en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao desenvolvemento e á proxección internacional do Novo Cinema Galego.
Desde a creación de Zeitun Films en 2009, participou na produción de títulos fundamentais desta cinematografía, como Todos vós sodes capitáns, Arraianos, Costa da Morte, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, Mimosas e Lúa vermella.
Estrea en Galicia de As augas, de Ledicia Sola
A gala pechou coa estrea en Galicia do filme As augas, de Ledicia Sola, que presentou a súa primeira longametraxe como guionista e directora.
Protagonizada por Melania Cruz, Marta Larralde, Toni Salgado, Lidia Veiga e a propia directora, segue a Nora, unha muller que regresa ao manancial da súa infancia tras romper coa súa parella e inicia, coa axuda das súas amigas, un proceso de transformación persoal.
"As augas", de Ledicia Sola