Estabilizado o incendio de Quiroga, que queimou xa 420 hectáreas
Os equipos de extinción van continuar nas vindeiras horas sobre o terreo para evitar que o lume se reactive
A Consellería de Medio Rural deu por estabilizado contra as nove da noite deste xoves o incendio que afecta desde o pasado martes o concello lugués de Quiroga. As últimas estimacións falan dunha superficie queimada de 420 hectáreas.
ESTABILIZADO o #IFPaciosdaSerraQuiroga, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 420 hectáreas.
— incendios 085 (@incendios085) September 17, 2026
Os traballos durante este xoves permitiron continuar cun avance cara a estabilización que xa fora notable durante a madrugada anterior.
Os equipos de extinción van continuar nas vindeiras horas sobre o terreo para evitar que o lume se reactive, arrefriando a zona afectada, como explicaba o coordinador autonómico da UDEX, Xosé Bieito Rodríguez.
As previsións meteorolóxicas para as vindeiras horas fan que os traballos se afronten con optimismo. Para a extinción do incendio mobilizáronse ata o de agora, de xeito acumulado, 14 técnicos, 65 axentes, 79 brigadas, 53 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións.