Extinguido o incendio forestal de Calvos de Randín tras queimar 518 hectáreas
As autoridades víronse obrigadas a decretar a situación dúas de emerxencia pola proximidade das lapas ao núcleo das Meaus, no concello limítrofe de Baltar
Despois de catro días loitando contra as lapas, os servizos de extinción conseguiron sufocar o incendio forestal de Calvos de Randín. O lume quedou extinguido este domingo pola noite tras queimar unha superficie de 518 hectáreas, segundo a Xunta de Galicia.
A alerta saltou o xoves pasado e mantivo en alerta os sevizos contraincendios durante toda a semana. As autoridadades víronse obrigadas a decretar a situación dúas de emerxencia pola proximidade das lapas ao núcleo das Meaus, no concello limítrofe de Baltar, unha situación operativa de emerxencia que quedou desactivada hai varios días.
As lapas queimaron unha superficie de 518,1 hectáreas, das que 370 corresponden a superficie boscosa e as restantes 148,1 son de pasteiros. Este domingo, ás 13:18 o incendio quedaba controlado e ás 22:24 horas dábase por extinguido.
Nos traballos participaron, de modo acumulado, sete técnicos, 48 axentes, 55 brigadas, 33 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, e tamén outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.