Abanos da mercería La Crisálida aparecen en 'La bola negra', o último filme dos Javis
A produtora buscaba abanos dos anos trinta e corenta para ambientación da película
Xa falamos dela noutras ocasións. La Crisálida é un auténtico museo vintage que custodia no seu almacén o maior catálogo de produtos antigos de mercería desde os anos corenta.
Hai un ano, a tenda coruñesa recibiu unha encarga especial, unha decena de abanos para a ambientación da última película de Javier Ambrossi e Javier Calvo. A produtora dos Javis contactou coa mercería hai un ano buscando abanos dos anos 30 e 40.
"Nós ofrecemos todo o noso catálogo, que está dispoñible online e eles escolleron sen dar demasiada pistas do que querían. Nós servímolos con todo o noso agarimo, como facemos con todos os nosos pedidos", lembra Ramón, propietario da mercería.
Escolleron composicións de madeira pintadas a man, a maioría negras e con motivos florais. Non é a primeira vez que unha produtora de cine tira do fondo de armario desta mercería, aínda que normalmente estas encargas chegan envoltas en misterio. Non foi o caso.
"Eles non esconderon en ningún momento que era para 'La bola negra', non houbo ningún segredismo nin nos dixeron que non o podiamos contar, aínda que entendimos que non debiamos dicir nada ata a estrea, explica.
'La bola negra' xa está nas salas e e o ano que vén estará nos Oscar.
"Un anaco da historia da Coruña e da nosa propia historia estará representada nos Oscar, así que é un orgullo", di Ramón.
Unha razón máis para ir ao cine.