Os romeiros da Saínza celebran máis de 180 anos de historia
Con máis de 180 anos de historia, a romaría da Saínza, en Rairiz de Veiga, segue a ser das máis populares en Galicia
No día grande da festa, celebrouse a famosa batalla entre mouros e cristiáns e centos de familias reuníronse na contorna da Carballa da Rocha para comeren de campo
A romaría da Saínza é unha tradición tan antiga que se perde na memoria.
"Isto é de toda a vida, dos avós, dos bisavós...". "E viñan nos carros, cos cabalos e coas vacas", comentan dúas romeiras.
E tan arraigada que non ten desculpa.
"Esta festa non tiña loito. Viña todo o mundo", di outra muller.
Fieis á tradición, fillas, netos e bisnetos seguen regresando relixiosamente, cada vez mellor equipados para pasaren o día nos prados dos arredores.
"Hai que traer todo o mobiliario, coa tenda de campaña. Acampamos dous ou tres días", explica un home mentres asa o churrasco.
Familias enteiras que aproveitan a ocasión para xuntárense e inculcarlles a tradición aos que veñen detrás.
O ataque
Antes de acampar, hai que pasar polo campo do castelo, onde se representa a mítica batalla entre mouros e cristiáns.
"Eu son o rei mouro. Veño aquí a intentar conquistar o castelo da Saínza, a ver se este ano mo permiten".
Como era de esperar, non llo permitiron e unha vez máis, os cristiáns recuperaron o castelo, coa mediación da Virxe da Mercé, a quen vai dedicada a festa.
Un cento de veciños participan nesta escenificación que remata, sempre, cunha enxordecedora traca final.