Fin de semana de celebracións gastronómicas e históricas
En Xinzo de Limia recrearon a chegada dos romanos a Galicia, en Meira unha malla tradicional e no Naseiro a romaría do Bo Xantar
A Romaría do Naseiro xurdiu como unha festa de merendas hai un século, vinculada á fábrica de Chavín. Na actualidade é unha celebración multitudinaria, con grupos de amigos e familias que se instalan na beira do río Landro durante cinco días.
"En cada mesa hai entre 15 e 20 persoas, bailan e comen. Chámase a romaría do Bo Xantar porque cada día cómese algo distinto", explica Luís Balsa, presidente da asociación Romaría do Naseiro.
"Viña cos meus pais e primeiro era cun mantel no campo e traían produtos que había na casa. Agora isto evolucionou e estamos con todas as comodidades", lembra unha das participantes.
En Meira, centos de persoas participaron na recreación dunha malla tradicional. Era un traballo comunitario, que se facía entre toda a veciñanza e que foi fundamental para a economía do rural galego durante anos.
"Moitos aniños, moitos anos mallei, moitos"."Case eramos todas mulleres, mesmo nenas moi pequenas", contan dúas das asistentes.
Tamén estaba prevista unha malla en Arzúa, pero suspendérona pola chuvia. Coceron pan e celebraron un xantar para duascentas persoas.
E en Xinzo de Limia, última xornada da Festa do Esquecemento, coas tropas romanas comandadas por Décimo Xunio Bruto cruzando o río para loitar cos castrexos.