Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estabilizado o incendio de Calvos de Randín que leva queimadas 460 hectáreas

Estabilizado o incendio de Calvos de Randín que leva queimadas 460 hectáreas

Axentes da UIFO traballan sobre o terreo para determinar as causas do lume, o maior do ano na provincia de Ourense

O incendio declarado en Manzaneda este venres quedou extinguido pola noite tras calcinar 14 hectáreas

 

G24.gal 26/09/2026 08:51 Última actualización 26/09/2026 09:47

O incendio forestal declarado o xoves pasado pola tarde en Calvos de Randín está estabilizado dende as 23:39 horas deste venres. Segundo informa a consellería do Medio Rural, ata o momento leva queimadas unhas 460 hectáreas.

A proximidade das lapas ao núcleo das Meaus, no concello limítrofe de Baltar, obrigou a declarar a situación 2 de emerxencia, como medida preventiva, ata o mediodía do venres. 

Para a extinción do lume, o maior do ano na provincia de Ourense, mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 43 axentes, 47 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións.

A Xunta anunciou a activación da unidade de investigación de incendios forestais (UIFO) para tentar determinar a súa orixe. Axentes especializados xa traballan sobre o terreo, co apoio de drons.

Extinguido o incendio de Manzaneda

Polo que respecta ao incendio declarado este venres en Manzaneda, na parroquia de Reigada, Medio Rural asegura que quedou extinguido ás 21:22 horas. 

As lapas afectaron preto de 14 hectáreas, a gran maioría de monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse un total de 8 axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal.

Do mesmo xeito, existe outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade