Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio, o último episodio nun edificio de Vigo en que viven un pesadelo

Un incendio, o último episodio nun edificio de Vigo en que viven un pesadelo

Pelexas, drogas, ameazas e agora un incendio teñen aos veciños atemorizados

No piso malviven inmigrantes que pagan un alugueiro barato e persoas que van consumir

G24.gal 29/09/2026 14:39

O lume prendeu no cuarto do fondo, onde unha muller gardaba todas as súas pertenzas.

"Non se sabe que pasou. Pensan que unha tableta que estaba cargando. Todo o que ardeu é da señora pero non sei nada", indica un dos residentes no piso.

Quedou sen nada e nada saben dela. Nas cámaras de seguridade vese como a xente que estaba dentro nese momento foxe sen tan sequera dar aviso do incendio. Puido ser unha desgraza.

"Fume, fume e lume. Non puideron facer nada máis que fuxir", engade o inquilino.

"Se ninguén se dera conta estabamos todos calcinados porque no primeiro hai unha persoa maior e no terceiro outra, non hai ascensor e non daría tempo a saír porque eles marcharon sen avisar a ninguén", quéixase un veciño.

"Mira como quedou a casa", lamenta o home que vive no piso ardido.

A carga de calor foi tan alta que parte da parede se derrubou. Lume e fume estendéronse pola vivenda. Todo está estragado, pero, por incrible que pareza, seguen facendo vida dentro.

"Onde vou? Teño moita roupa. Non me poden botar porque non teño onde ir", recoñece o inquilino.

Aquí paga pouco, coma o resto de inquilinos. Case todos inmigrantes, xente que precisa un teito barato e que non mira quen entra e quen sae. A trasfega é constante, de xente que vai comprar, consumir ou que queda a vivir.

"Non queres dicir cousas porque non queres problemas", engade o home.

"En teoría, vive un home pero ten todos os cuartos alugados. É un piso conflitivo", confirma o veciño.

O incendio foi só o último episodio dunha convivencia insoportable, con danos no portal, nos extintores. Nunha ocasión, o propietario do piso mesmo rebentou a porta duns veciños cunha pata de cabra. 

"Pelexas, drogas, xente politoxicómana polas escaleiras, agora o incendio. Estamos fartos", denuncia o mozo. 

Aguantaron sen denunciar pola nai pero pouco favor lle fixeron. A muller está nunha residencia dende marzo, a salvo dun suposto caso de malos tratos por parte do fillo, o que agora cobra os alugueiros, un home con problemas de adiccións e de saúde mental. Unha desgraza.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade