Profanan o sagrario da igrexa de Guitiriz e esparexen as hostias pola praza
Os autores do acto vandálico levaron ademais o copón de prata empregado na liturxia
A Diocese de Mondoñedo-Ferrol cualificou o sucedido como un "gravísimo acto", que constitúe “unha afronta directa á eucaristía, centro da fe e da vida da Igrexa”
A igrexa de Guitiriz foi profanada o sábado ao mediodía, cando autores descoñecidos entraron no templo, arrincaron o sagrario do seu sitio e esparexeron as hostia consagradas pola praza da localidade, segundo informou mediante un comunicado a Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
As persoas que profanaron o templo tamén forzaron a pechadura e levaron o copón de prata empregado na liturxia.
A Diocese de Mondoñedo-Ferrol cualificou este suceso como un "gravísimo acto", porque constitúe “unha afronta directa á eucaristía, centro da fe e da vida da Igrexa”.
De feito, ante o sucedido, o bispo, Fernando García Cadiñanos, expresou o seu "máis enérxica condena" por un ataque que atenta directamente contra o dereito á liberdade relixiosa.
Segundo a doutrina católica, “o ocorrido representa unha grave ofensa ao Señor Sacramentado e afecta á fe da comunidade crente”, engade a diocese, ademais de ferir “profundamente os sentimentos relixiosos dos católicos e de toda a comunidade parroquial de Guitiriz".
Os feitos xa foron denunciados ante as autoridades competentes, que abriron unha investigación para identificar os responsables.
Como resposta pastoral, o bispo diocesano invitou á comunidade cristiá de Guitiriz a sumarse á oración e a participar nos actos de reparación. O prelado presidirá unha eucaristía de desagravio o martes 29 de setembro ás 20:00 horas na igrexa parroquial de San Xoán de Lagostelle.