O PSdeG de Lugo condena a pintada racista e machista na súa sede do Vicedo
É o terceiro episodio deste tipo contra as instalacións socialistas en Galicia durante o mes de agosto, tras outros rexistrados en Ferrol e Foz
O PSdeG da provincia de Lugo denunciou ante as forzas de seguridade un ataque con pintadas machistas e racistas sufrido na súa sede do Vicedo.
Segundo indica nun comunicado, é o terceiro episodio deste tipo contra as instalacións socialistas en Galicia durante o mes de agosto tras outros rexistrados en Ferrol e Foz.
A dirección provincial cualifica os feitos como un ataque intolerable á democracia e advirte de que se suman a agresións previas rexistradas na sede provincial de Lugo en setembro de 2025.
O PSdeG sinala que esta cadea de actos de intimidación non é un feito illado, senón "o eco dun clima político no que determinados discursos da dereita e da extrema dereita levan demasiado tempo normalizando o insulto, a descualificación e a demonización do adversario".
"Estamos a ver unha sucesión de ataques que debe preocupar o conxunto da sociedade, independentemente das ideas políticas de cada persoa. Hoxe é unha sede do PSOE, pero o que se está atacando é algo moito máis amplo: o dereito de calquera cidadán para participar en política e defender democraticamente as súas ideas sen ser intimidado", remarcan.
O PSdeG de Lugo manifesta o seu "rexeitamento absoluto" ás persoas responsables destes feitos e lembra que "este tipo de comportamentos nada teñen que ver co diálogo, o respecto nin coa confrontación democrática de ideas".