Pecha a piscina de Trasmiras ao detectarse a presenza de restos fecais
Sospeitan que un reto viral, o denominado reto marrón, é a razón deste acto vandálico
A pasada fin de semana ocorreu o mesmo nas piscinas de Castroverde e Vila de Cruces
O risco sanitario obriga os concellos responsables a pechar as instalacións para facer analíticas
A piscina municipal de Trasmiras, en Vilaseca, foi a última en sumarse á lamentable listaxe. Cando o persoal que traballa aquí veu o domingo á mañá para abrir as instalacións, descubriron que alguén se coara pola noite.
"No céspede había unhas latas de cervexa que non estaban no peche. Cando os foron recoller, viron que había feces no vaso grande", relata Emilio Pazos, o alcalde de Trasmiras.
Calculan que cando menos, as instalacións van pasar tres días pechadas. O domingo xa non puideron abrir e a primeira hora deste luns foi cando a empresa de xestión de augas tomou as mostras para analizar, un proceso que se prolongará unhas 48 horas.
"Viñeron hoxe á mañá buscar auga para analizar. A xente, eu non sei en que pensa. Isto só é facer dano", di José Carrasco, o encargado da limpeza das piscinas.
Se as analíticas confirman contaminación fecal e teñen que baleirar a piscina, o peche pode prolongarse unha semana, en pleno mes de agosto. De momento xa tiveron que cancelar unha actividade con hinchables, do campamento infantil. Os veciños están indignados. "Unha sinvergüencería. Iso non se fai". "Aquí non hai río nin nada. Agora haberá que desprazarse. A Xinzo ou a Cualedro", comentan.
As ordenanzas municipais non contemplan este tipo de accións en concreto, pero os actos de vandalismo implican sancións de 150 a 3.000 euros. Desde o concello xa adiantan que van denunciar perante a Garda Civil.
"Non temos nada previsto porque non nos colle na cabeza que se poida facer isto nunhas instalacións públicas e facer tanto prexuízo a tanta xente", lamenta o alcalde.
O ano pasado xa tiveran que pechar as piscinas dos concellos veciños de Xinzo e Sarreaus polo mesmo motivo.