Aumenta a preocupación entre a veciñanza da Ponte, en Ourense, pola repunta dos ataques aos coches
Cinco coches aparcados na rúa e dez nun garaxe foron danados estes días no barrio da Ponte
A veciñanza leva tempo denunciando estes roubos continuados e reclaman máis vixilancia policial porque din que hai inseguridade
A preocupación polos continuos roubos nos coches medra entre a veciñanza no barrio ourensán da Ponte. Nestes días houbo unha repunta nos ataques aos vehículos e, desde esta pasada fin de semana, rexistráronse quince roubos e danos en vehículos, tanto nos estacionados na rúa como dentro do garaxe. A veciñanza quéixase de falta de vixilancia policial e pide máis presenza nas rúas porque di que hai moita inseguridade.
Cristais rotos. Pechaduras forzadas. E coches revoltos. É a imaxe que se repite desde hai xa tempo no barrio ourensán da Ponte. Pero estes días houbo unha repunta nos roubos.
As tapas dos sumidoiros é o xeito que empregan para atacar os coches aparcados nas rúas da Ponte, pero esta fin de semana tamén entraron nun garaxe na avenida de santiago e danaron dez vehículos.
A pasada semana a Policía Nacional detivo un presunto autor de varios roubos en vehículos na cidade de Ourense. Pero a veciñanza vive con preocupación esta situación e reclama máis patrullas e maior presenza policial para frear esta vaga de asaltos.
A Policía Nacional informa que mantén un operativo especial contra este tipo de delitos, pero os residentes consideran que as medidas aínda non son suficientes. Mentres, desde hai xa máis de dous anos, a sensación de inseguridade segue medrando no barrio da Ponte.