A pé, a cabalo e polo aire: reforzo policial do verán para incendios e peregrinos
A unidade de cabalería desprázase a Galicia durante os meses do verán para colaborar na prevención dos incendios
A OMAP percorre os Camiños de Santiago para axudar aos peregrinos con calquera incidencia e mesmo selar a Compostela
"Vimos de Valdemoro, de Madrid. Levo vinte anos vindo aquí, os meses de xullo e agosto, os meses fortes do verán", preséntase David Jiménez. Sarxento primeiro do Grupo de Cabalería.
A unidade de cabalería ponse en marcha cunha misión prioritaria.
"Estamos para prevención de incendios, abarcando grandes extensións de terreo", explica o sarxento.
Chegan onde outros corpos non poden acceder.
"Imos onde non chegan vehículos a motor, nin motocicletas, por pequenas veredas. Co cabalo movémonos moi ben", engade.
Vixilancia e prevención que se ve reforzada tamén por aire.
"A vixiancia é facer un voo alto e buscar focos de calor, para ver conatos de incendio, queimas e posibles incendios antes de que se produzan ou se fagan máis grande", explica Ángel Gómez, Capitán da Garda Civil.
Saben que coller os delincuentes na allada é complicado pero nun e noutro caso, tanto helicóptero como cabalería, fan un traballo máis de fondo.
"Identificación de persoas, control de vehículos que poidan servir para o interese policial", explica o sarxento da Unidade de Cabalería.
Aproveitando ese percorrido por camiños, ocúpanse tamén doutro obxectivo. Este, menos incendiario.
"Axuda ao peregrino no Camiño de Santiago, tanto no francés como no portugués. Evitar furtos que poida haber no Camiño, algún altercado, o tema da contaminación, que non tiren lixo, que non tiren bolsas", destaca o Sarxento Jiménez.
Chegan tantos e por tantos camiños que no verán hai unha unidade específica de atención ao peregrino.
"Camiñamos polo Camiño e imos tamén en todoterreo e onde vemos peregrinos paramos a falar con eles, preguntamos se tiveron algún problema para tentar solucionar e tamén selamos a credencial", explica Pedro Fernández, Garda civil da OMAP.
Cada verán e en cada camiño, as necesidades dos peregrinos repítense.
"Perdas de documentación, de gafas, de mochilas. Recomendamos por nas mochilas un número de teléfono, e despois torceduras de nocellos e ampolas nos pés, é o que máis se queixan. Por iso, lles aconsellamos cambiar os calcetíns cada oito ou dez quilómetros para non telos sudados", aclara o Garda Civil da oficina móbil.
Con eles, un GNR, un policía portugués.
"Como hai moito peregrino portugués, que se sintan máis cómodos ao ter un policía deles preto", engade Pedro Fernández.
Unha atención próxima que os que levan quilómetros ao lombo agradecen.