Ven desde o móbil en directo como lles entran para roubar na casa en Celanova
A cámara que teñen no exterior gravou os intrusos accedendo á súa vivenda mentres eles estaban fóra
Levaron todo o que atoparon ata que a alarma empezou a soa
O móbil de María garda as imaxes dun momento que aínda lles custa crer e que os deixou co susto no corpo.
"Vímolos subir as escaleiras, a estes víronos os da alarma, quedaron as imaxes rexistradas".
Semellaba unha tarde de domingo máis: estaban noutra aldea visitando uns amigos cando se decataron de que o móbil non deixaba de recibir notificacións, pouco imaxinaban o que ían atopar ao mirar a pantalla.
"De súpeto di o meu home: vou mirar a cámara exterior que temos fóra porque non paran de saltar as imaxes. E cando mira o móbil e ve as imaxes hai tres homes subindo polas escaleiras, e dixemos: 'Ai, miña nai, que nos están entrando roubar! E de alí a pouco, xa nos salta a alarma", explica María del Carmen Luaces, propietaria da vivenda asaltada na aldea de Santa María, en Vilanova dos Infantes.
Tres homes coa cara cuberta accederan á casa forzando a porta da entrada. Aproximadamente contra as oito e vinte da tarde. Subiron directamente o primeiro andar e comezaron a remexelo todo.
"Uf! desfixeron, tiraron roupa, as portas do armario, rebuscaron, roubáronnos, leváronnos cartos, unha Nintendo Switch do neno, un ordenador portátil, e leváronnos unhas pulseiras, unhas cadeas e uns aneis, a maioría bixutería, pero algún que tiña mesturado con eses de ouro e tamén de prata".
Mentres dous deles perpetraban o roubo, un terceiro ladrón vixiaba no exterior da casa. Ese momento quedou rexistrado tamén polas cámaras. Malia ter veciños a carón, ninguén escoitou a alarma. Para cando chegaron os axentes, os ladróns xa fuxiran. Pero parece que o roubo non foi ao azar.
"Pareceunos moi raro porque nos apareceu na cámara exterior que temos fóra un coche pasando por alí sobre as 8:14 da noite, e ía como freando, coma se estivese vixiando ou algo, e de repente, ás 8:20, foi cando nos saltan as imaxes que estaban subindo os tres homes polas escaleiras arriba e nos ían entrar roubar".
Non houbo máis asaltos na aldea esa tarde, pero si outro na localidade próxima de Vilavidal. A Garda Civil está a investigar os feitos e segue na procura dos ladróns.