Rexístranse moitos incendios en vehículos en plena circulación
As causas adoitan ser fallos mecánicos, eléctricos ou un mantemento insuficiente
Hai nas estradas un maior volume e variedade de vehículos, e canda eles medrou o número de incendios. Segundo as estatísticas, en España arden cada ano uns 12.000 vehículos, uns 30 ao día, e segundo o tipo diversas posibles causas.
"Un coche de combustión pode arder ben por un curtocircuíto no cable de corrente ou ben por unha fuga de combustible sobre todo cara a algunha zona quente como o escape ou o motor. No caso dun coche eléctrico sería o mesmo, ben por un curtocircuíto ou por un incendio na unidade de batería", explica Roberto Lucas, xerente dun taller en Lugo.
Os híbridos combinan os riscos dos dous e, segundo diversos estudos de seguridade viaria, son, en proporción, os que rexistran un maior número de incendios por cada 100.000 vehículos vendidos. Séguenlle os vehículos de combustión tradicional e en último lugar os eléctricos.
Se sufrimos un incendio ao volante, debe primar o sentido común e priorizar a nosa seguridade.
"O primeiro é saír do coche e chamar a emerxencias. Non convén tocar moito, porque non estamos preparados nin temos extintores nin medios", recomenda explica Roberto Lucas, xerente dun taller en Lugo.
Se podemos, debemos parar na beiravía, lonxe da vexetación, apagar o vehículo e nunca abrir o capó, dado que, ao levantalo, unha entrada repentina de osíxeno avivará o lume.