Rouba plantas dunha estrada en Meis
As plantas colocadas na reforma dunha rúa en Meis non duraron nin 24 horas na terra
A carraxe dos veciños é tal que mesmo a alcaldesa lanzou unha advertencia nas súas redes sociais
Os operarios continúan a traballar na instalación de plantas e árbores nesta rúa recentemente reformada no concello de Meis. O caso é que parte do seu traballo desapareceu en poucas horas. Antonio Hermida, traballador de Silleda Jardín, explica que "o xoves repartimos as plantas e deixámolas plantadas, e o venres a mañá notamos a ausencia dalgunhas e avisamos ao xefe de obra".
A propia alcaldesa lanzou unha advertencia nas redes socias. Pide colaboración cidadá e apunta que teñen fotografías coas matrículas dos coches implicados.
Os veciños lamentan o sucedido, pero xa non lles sorprenden este tipo de condutas. Xa se repuxeron as plantas onde quedaran ocos e ultímanse as obras na zona, que inclúen beiravías nunha obra cun orzamento próximo aos 500.000 euros.