Unha muller queda ferida tras a caída dunha árbore no centro da Pobra do Caramiñal
As polas do salgueiro tamén danaron varios coches estacionados no Castelo
Todo apunta a que a árbore caeu porque estaba en mal estado
O salgueiro, de grandes dimensións, caeu na tarde do sábado en pleno centro da Pobra. A peor parte levouna unha muller que pasaba por baixo e non puido esquivar o impacto.
"Levárona en ambulancia ao hospital, pero non foi grave, iso foi o mellor que puido pasar, que non quedara ferida grave".
Os que si quedaron tocados foron os vehículos que estaban aparcados debaixo.
"Danou varios coches, a un esmagoulle o parabrisas e tivérono que levar co gindastre".
Tamén a rúa quedou ás escuras pola caída dunha das polas sobre a iluminación. A árbore xa foi retirada e todo apunta a que caeu por atoparse en mal estado. Xusto estes días o Concello comezara a podar e preparar os parques de cara ao inverno. Os veciños piden reforzar a prevención para evitar máis sustos.
"Aqueles hai que podalos e mesmo quitar algún porque teñen as polas dobradas e a raíz de abaixo non aguanta. Como veña un temporal pode tirar con todo".
Conscientes da preocupación, desde o Concello anuncian que van facer un estudo do estado sanitario das árbores do parque do Castelo, unha zona gañada ao mar na que non é a primeira vez que suceden feitos similares.