Deixan ducias de chaves falsas, con números de inmobiliarias, tiradas polas rúas de Santiago
Axencias e veciños pregúntanse se foi unha broma ou un boicot
Os responsables destes negocios salientan que eles non marcan as normas do mercado
Foi un descoido, unha broma ou un boicot?
Iso é o que se preguntan veciños e inmobiliarias de Santiago logo de que apareceran ducias de chaves polas rúas da cidade co teléfono de varias axencias.
Nin unha, nin dúas, nin tres, foron ducias as copias de chaves que apareceron tiradas polas rúas Santiago.
"Apareceron xogos de chaves, etiquetados con teléfonos de distintas inmobiliarias, tirados polo chan", asegura Cristóbal López, xerente de Decasa Santiago.
Os que as atopaban chamaban ao teléfono que figuraba nelas ou as levaban en persoa ás axencias. Algo que significou horas de traballo perdidas.
"Houbo unha serie de chamadas, un volume moi alto de chamadas a aqueles compañeiros que recibiron esas chaves", di Jacobo Blanco, xerente de Capitel KSA.
Desde as axencias inmobiliarias fan un chamamento, lembrando que eles non marcan as normas do mercado da vivenda.
"Somos intermediarios, coñecemos as leis, sabemos un pouco como son as estruturas e cales son as garantías dunha parte e outra, pero se isto é un boicot están indo a onde non deben", afirma Jacobo Blanco.
"Se o mercado inmobiliario para por algunha circunstancia, nós somos os grandes afectados", engade Cristóbal López.
Boicot ou broma, o episodio das chaves falsas queda de momento nunha anécdota.