Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os acusados dunha agresión e intento de atropelo en Ferrol aseguran que só intentaban defenderse

Os acusados dunha agresión e intento de atropelo en Ferrol aseguran que só intentaban defenderse

Pai e fillo din que son vítimas de desterro e do acoso da familia que os acusa desde que o mozo se separou

Fiscalía e acusación manteñen que son coautores de dous intentos de asasinato e piden entre 24 e 28 anos de cadea para cada un

G24.gal 04/11/2026 14:58 Última actualización 04/11/2026 16:44

Nas súas respectivas declaracións nesta última sesión do xuízo, pai e fillo insistiron na tese de que a causa que os tiña no desterro e agora en prisión provisional e no banco dos acusados se debe a unha mala relación coa familia da que fora durante catro anos a parella do mozo. Iso foi tamén -din- o que provocou a liorta que mantiveron o 31 de outubro de 2024 en Ferrol pola que están acusados de intento de asasinato. 

"Aquí o que pasa é que houbo unha separación traumática; desterraron os meus clientes e estivéronos acosando permanentemente, e aí empezou toda a lea". 

"Eles tratan de facer crer que había unhas desavinzas porque existía mala relación previa entre as familias, pero non existía ningunha relación nin provocación". 

Tanto a Fiscalía coma o avogado da acusación particular, Francisco José Pérez González, consideran que iso non é máis ca un relato artificioso da defensa para xerar confusión, cando o que houbo na súa opinión é unha agresión arbitraria e inxustificada ás dúas vítimas, que son tamén pai e fillo.

Na sesión revisáronse cos peritos forenses as múltiples feridas que sufriron o día dos feitos cun machete e unha catana. O pai sufriu unha gran perda de sangue e un forte impacto na cabeza que lle rompeu varios osos do cranio. O fillo partiu un brazo e múltiples cortes, grandes e profundos, un deles de ata 19 centímetros de longo.

Os acusados aseguraron que usaran as armas só para defenderse. O fillo mesmo xustificou así o feito de intentar atropelar os seus opoñentes coa furgoneta. Dixo que só pretendía que deixaran de golpear a seu pai cando o tiñan no chan e pensaba que o ían matar. 

"En todo caso Jonathan estaría implicado nun homicidio tentado pero o seu pai só nunhas lesións porque o agredido foi el", insiste o seu avogado defensor, Marcos García Montes.

Tanto a Fiscalía coma a acusación sosteñen que son coautores de dous intentos de asasinato e manteñen a petición de entre 12 a 14 anos de cadea por cada un deles, tanto para o pai coma para o fillo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade