Unha ciclista resulta ferida en Santiago tras chocar contra un coche
A ciclista ferida, de 39 anos, foi atendida no lugar e logo trasladada nunha ambulancia de soporte vital avanzado ao Hospital Clínico da cidade
Unha ciclista resultou ferida este mércores en Santiago tras chocar contra un coche, segundo informou o CIAE 112 Galicia, e foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario.
O accidente produciuse pouco antes das 7:00 horas e foi un particular quen alertou o 112 do sinistro, ocorrido nas proximidades do túnel do Hórreo. Segundo esta persoa, a ciclista permanecía inconsciente nese momento.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias déuselle aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Policía Local. A ciclista ferida, M. M. D., de 39 anos de idade, foi atendida no lugar e logo trasladada nunha ambulancia de soporte vital avanzado ao Hospital Clínico da cidade.