Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil destaca a calidade das falsificacións da rede que operaba desde Ourense

A Garda Civil destaca a calidade das falsificacións da rede que operaba desde Ourense

Os seis detidos, acusados de delitos contra a propiedade industrial, pertenza a banda criminal, falsidade documental e branqueo de capitais, ingresaron en prisión

Calculan que a organización gañaba uns vinte millóns de euros ao ano

 

G24.gal 10/11/2026 14:12 Última actualización 10/11/2026 14:35

A operación Malabis arrincou hai máis dun ano e medio. Houbo incautacións en Portugal e en todas as comunidades autónomas españolas excepto nas Canarias. En xaneiro, por exemplo, 1.800 pares de zapatillas deportivas, en Portugal, e en xuño, en Ourense, 25.000 equipamentos de fútbol, coincidindo co mundial. Gañaban uns vinte millóns de euros ao ano.

"Aprehendéronse arredor de 80.000 efectos falsificados, uns 40.000 en Portugal. En peso, son máis de cincuenta toneladas", explica Juan José López Castro, capitán da Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense,

Son falsificacións de grandes marcas, coas súas caixas aparentemente orixinais e mesmo códigos QR que nos remiten ás páxinas oficiais. Un nivel de sofisticación no delito que impresionou os propios investigadores.

"Profesionalizáronse nesta arte, ata o punto de que os propios peritos recoñecen a calidade das falsificacións e o enorme movemento de capital que iso supón", relata Rafael Berguillo, tenente coronel da Comandancia da Garda Civil en Ourense.

O oitenta por cento das falsificacións son de roupa, pero tamén comisaron calzado, perfumes, reloxos e complementos, dunha trintena de marcas. Os produtos viñan de Asia e está confirmado o tránsito por varios países europeos. Na última intervención, a que destapou a operación o venres pasado, houbo rexistros en Xinzo, Verín, A Gudiña e en Portugal, onde destaparon un búnker con máis de vinte mil efectos falsificados.

"Non só significa un éxito a explotación senón tamén o que está por vir: reunir a información que permita á Garda Civil seguir investigando sobre o destino deses cartos, a utilización", di Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense.

A investigación, dirixida polo xulgado de Xinzo e a Fiscalía de Ourense, conecta con outra que houbera en 2013. Daquela, non ingresaron no cárcere, pero desta vez, os seis detidos, de orixe magrebí, están xa en prisión provisional no Pereiro de Aguiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade