Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha médica de Urxencias do Cunqueiro enfróntase a tres anos e medio de cárcere por falsear receitas

Unha médica de Urxencias do Cunqueiro enfróntase a tres anos e medio de cárcere por falsear receitas

Utilizaba un talonario dunha compañeira sen o seu permiso

 A Fiscalía pide tamén para ela 3 anos de inhabilitación

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 18/09/2026 15:31

A Fiscalía pide 3 anos e medio de prisión e 3 anos de inhabilitación para unha médica que traballaba no servizo de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por falsificar unhas receitas utilizando un talonario dunha compañeira sen o seu permiso.

Segundo consta no escrito de acusación pública, os feitos ocorreron o 6 de decembro de 2023, cando a acusada estaba a traballar e, aproveitando que a súa compañeira se ausentara momentaneamente, colleu da mochila o seu talonario de receitas e o seu selo oficial.

Así, retirou varias fichas e selounas, e despois cubriunas con prescricións de varios medicamentos e asinou, aparentando que foran expedidas pola súa compañeira. Posteriormente, retirou os medicamentos nun par de farmacias.

A Fiscalía fai constar que a acusada está diagnosticada dun trastorno de personalidade con síntomas de TDHA "de moderada relevancia", o que limita a súa capacidade volitiva, aínda que non a súa capacidade cognitiva.

Por estes feitos, acúsaa dun delito continuado de falsificación de documento oficial, e pide que sexa condenada a 3 anos e 6 meses de prisión, e a 3 anos de inhabilitación para exercer as súas funcións de médico.

Tamén reclama que pague unha multa de 3.600 euros e que indemnice a súa compañeira con 3.000 euros polos prexuízos morais ocasionados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade